noname-6

O Cocido Solidario celébrase este ano en beneficio da Asociación Carabelo. Este evento, foi introducido polo Goberno local dende principio de mandato en substitución da anterior comida oficial. O actual Goberno decidiu aproveitar a Feira do Cocido para recadar fondos con fins solidarios aos efectos de destinalos a distintas asociacións sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local.

A asistencia ao Cocido Solidario 2019, que se celebrará no Pazo de Bendoiro, o día da Feira do Cocido (24 de febreiro) estará aberta ao público en xeral. A participación na comida realizarase previa adquisición da correspondente entrada. OS PASES ESTARÁN Á VENDA DENDE O LUNS 4 DE FEBREIRO AO LUNS 18 DE FEBREIRO, na recepción do Concello, así como nas dependencias do Pazo de Bendoiro e na sede da Asociación de Empresarios do Deza (AED). Terán un prezo de 38 euros, dos que 5 irán asignados a modo de doazón solidaria en beneficio de Carabelo. Así mesmo, poderanse adquirir as entradas a través do ingreso directo dos 38 euros na conta bancaria ES96 0081 5564 4000 0130 6239. Tamén se habilitará unha fila cero para que as persoas que desexen realizar unha achega sen asistir ao Cocido poidan facelo.

Carabelo é unha organización sen ánimo de lucro formada por voluntarios e voluntarias que naceu ao abeiro da Asociación O Mencer e que ten como obxectivo principal apoiar a integración de familias e menores en risco de vulnerabilidade social. Valentina Díaz é a presidenta deste colectivo que actualmente traballo con máis de 60 usuarios e usuarias. Entre as actividades que realiza o colectivo, destacan principalmente as clases de apoio ao estudo que ofrecen a nenos e nenas, as merendas que realizan con alimentos adaptados á relixión de cada un ou as revisións médicas, bucodentais e sesións sobre os coidados e a hixiene persoal que organizan. Carabelo ten a súa sede e imparte as súas actividades nunha instalación cedida polo Concello de Lalín nas antigas casas dos mestres do colexio Xesús Golmar, onde creou unha biblioteca propia.