O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, unha vez finalizado o XXI Mes do cocido que se celebrou do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro, realizou unha enquisa entre os 25 restaurantes locais que participaron nesta iniciativa para coñecer de primeira man a súa satisfacción, así como o rendemento e outras cuestións xerais relativas á tempada de maior consumo deste prato, que aínda que se comeza a servir coa chegada dos primeiros fríos e se mantén ata ben entrada a primavera, concentra a época forte nesta época do ano. Unha vez analizadas detalladamente as respostas de cada establecemento, as conclusións son claras. Tal e como afirma o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño: “Estamos moi contentos de poder falar dun novo récord de rendemento cando pensabamos que edicións como a pasada eran practicamente imposibles de superar, mais o que nos din os hostaleiros é que o mellor Mes do Cocido da historia en canto a número de pratos servidos e a cantidade de comensais recibidos foi a presente e, todo isto, a pesar de que o día grande da Feira coincide este ano posteriormente”. “E estas afirmacións” -prosegue- “non as aporto eu, senón que son datos obxectivos e contrastables ofrecidos polos diferentes restauradores, que nos fan estar moi satisfeitos e orgullosos”.

Nas preguntas realizadas aos hostaleiros solicitouse unha valoración xeral do Mes do Cocido dando as posibilidades de indicar se foi malo, regular ou bo e, no caso de responder con esta última opción, preguntóuselles se o consideraron o mellor. Os datos son absolutamente positivos e incontestables, pois 22 dos 25 establecementos (88 %) consideraron que foi un bo Mes do Cocido e, destes, 20 (80%) afirmaron que foi “o mellor que se lembra”. Segundo explicaron os propietarios, os restaurantes estiveron a rebosar, principalmente durante as fins de semana e foron milleiros os comensais que degustaron o prato rei da gastronomía galega nalgún dos restaurantes da localidade participantes no XXI Mes do Cocido. Ademais, preguntados polas previsións para as vindeiras semanas, xa fóra do Mes do Cocido, afirmaron estar completos para o día grande da Feira e que se seguirán enchendo mesas por moitos días, porque a maioría tamén asegura “ter encargas ata finais de marzo e incluso para abril e maio”.

En relación á época na que se empeza a servir o prato, fóra do Mes do Cocido, a maioría de restaurantes dixeron facelo con maior regularidade dende o mes de novembro, aínda que varios dos locais de referencia de capital do municipio aseguraron comezar a ofrecer cocidos en gran cantidade xa “a partir das festas patronais de setembro”, de modo que se comproba que o cocido se consume de xeito abundante nos establecementos locais durante a maior parte do ano. Entre as informacións aportadas polos restauradores é significativo destacar que nalgúns casos se continúa a percibir un cambio de perfil no comensal do cocido e que máis aló dos grupos de adultos “que veñen todos os anos”, este ano se están recibindo moitas “pandillas” de mozos e mozas. Preguntados pola procedencia dos visitantes, informaron de que a maioría proven de Galicia, cunha distribución mi heteroxénea po todas as zonas da xeografía do País, pero tamén destaca o importante número de comensais chegados doutras zonas do Estado con especial incidencia dos que o fixeron dende Asturias e Madrid.

Francisco Vilariño non esconde a súa satisfacción ante unhas valoracións tan positivas. “Os datos son magníficos e un ano máis rompéronse barreiras e a inmensa maioría dos restaurantes afirmaron que foi o mellor Mes do Cocido en canto a número de clientes”. “Isto” -indica- “reflicte que o cocido de Lalín está nun estado de saúde inmellorable e que o seu crecemento parece non ter teito”. “Non obstante” -engadiu- “dende o Goberno municipal non nos imos conformar e imos seguir traballando para facer que en cada edición o beneficio que lle carrexa o cocido ao noso municipio sexa maior”. O concelleiro aproveitou para darlle os parabéns aos establecementos participantes na iniciativa do Concello de Lalín ante este éxito rotundo “pois o excelente rendemento desta tempada débese en gran medida ao magnífico traballo deste sector, pero non me cansarei de dicir que o éxito final é colectivo e reside en todo o pobo polos beneficios que o cocido aporta cada ano ao noso concello, tanto a nivel económico como social e cultural”. “Dende o punto de vista turístico” -sinala- “o cocido é un motor, posto que a xente que nos visita para degustalo crea sinerxías con outros sectores, pois merca no comercio e fai uso de diferentes servizos, enriquecendo en conxunto o noso municipio”.

Nesta liña, o edil tamén atribuíu o éxito aos esforzos que vén realizando o Goberno por seguir impulsando o cocido como un dos principais reclamos do noso municipio para atraer visitantes e para xerar riqueza. “Dende o Concello de Lalín destinamos cada ano ao cocido unha gran cantidade de recursos, tanto humanos como económicos, para difundilo e promocionalo a través de diferentes iniciativas, posto que somos plenamente conscientes do seu enorme potencial”. “Porén” -conclúe- “estamos moi satisfeitos de que o traballo dende o Goberno, xunto co aposta dos establecementos lalinenses para elevar o Cocido de Lalín ás súa máximas cotas de calidade e prestixio, dea como resultado que cada ano sexan máis os visitantes que se achegan ao noso municipio para degustar este prato, impulsando a economía e a sociedade lalinense”.