O bus do Cocido patrocinado por GADIS e coa colaboración de Coren e Abanca, pechou onte na capital do país, Santiago de Compostela, a súa xira por diferentes localidades e cidades promocionando o Camiño de Inverno e a L Feira do Cocido -que celebra os 50 anos de vida o próximo domingo-. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, encabezou a comitiva lalinense a Santiago acompañado polos concelleiros Lara Rodríguez, Nicolás González Casares e Francisco Vilariño, que foron recibidos este medio día no Pazo de Raxoi polo rexedor compostelán, Martiño Noriega, con quen realizaron no propio edificio consistorial unha presentación ante os medios de comunicación da Feira e das súas actividades.

Noriega afirmou sentirse moi contento por poder presentar o 50 aniversario da Feira do Cocido en Santiago, ofrecendo dende a capital do país unha importante plataforma de difusión dun evento gastronómico e cultural tan importante en Galicia. Pola súa parte, Cuíña agradeceu a extraordinaria acollida recibida polo Concello de Santiago Compostela, explicando que é un orgullo poder presentar o Cocido nunha cidade que é un símbolo da identidade de todos os galegos, e convidou a todos os composteláns e a toda Galicia en xeral, a participar nos actos da 50 Feira do Cocido o vindeiro domingo. Finalmente cualificou como “éxito absoluto, un ano máis, a iniciativa promocional do bus do cocido”, que nesta edición arribou nas vilas de Tui, Monforte, O Barco de Valdeorras e Moaña e nas cidades de Ponferrada e Santiago de Compostela.

Tras a presentación tivo lugar a visita ao bus, que permaneceu durante todo o día instalado en plena Praza do Obradoiro, onde se degustaron as tapas baseadas no Cocido e realizadas nesta ocasión pola cociñeira do Restaurante 4 Camiños, Davinia Rielo. Ata bus do Cocido,a demais dos dous rexedores e os concelleiros de Lalín tamén se achegaron os concelleiros da corporación santiaguesa, Rubén Cela e Francisco Reyes.

Agora, este autobús ao estilo inglés instalarase na Praza da Igrexa de Lalín, onde poderá ser admirado polos veciños e veciñas durante o día da Feira servindo como un atractivo máis e como un punto inmellorable de información turística.