25 enero, 2018

Excelente acollida do Cocido en Ruta na súa parada en Monforte de Lemos. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, desprazouse ata a localidade luguesa para presentar a programación da Feira do Cocido, que terá o seu día grande o vindeiro 4 de febreiro, e participar nunha nova etapa desta iniciativa promocional -patrocinada por GADIS, e conta coa colaboración de ABANCA e COREN- que está a permitir difundir os atractivos turísticos de Lalín, o Camiño de Inverno e a 50 edición da Feira do Cocido por diferentes vilas de Galicia e Castela e León durante esta segunda metade do mes de xaneiro. O rexedor foi recibido no concello de Monforte polo alcalde da localidade, José Tomé Roca, que ademais de animar aos seus veciños a achegarse a Lalín durante a celebración desta festa gastronómica, tamén convidou a Cuíña a asinar no Libro de Honra do municipio. O alcalde de Lalín aproveitou para agradecer “Ao pobo de Monforte, con inmenso agarimo á hospitalidade cara o pobo de Lalín, irmáns nesa grande tarefa de facer a nosa Galiza, nai e señora”. Tras comparecer ante os medios de comunicación, Cuíña e Tomé Roca desprazáronse ata o Bus do Cocido, que estivo estacionado durante toda a xornada na explanada das Casitas, a carón dos Escolapios, onde ao mediodía se realizou, con enorme éxito e participación de veciños, unha degustación de produtos típicos de Lalín, así como dunha tapa elaborada para a ocasión por Mari Mar Villanueva, do restaurante Villanueva.

O Bus do Cocido estivo estacionado durante todo o día nesa zona, converténdose nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características facilita o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras. Nesta ocasión, fíxose especial incidencia na difusión do Camiño de Inverno, que é un dos dous que pasa por Lalín. O Bus do Cocido constitúe xa unha marca de identidade de Lalín e a súa Feira. Trátase dun o autobús tipo inglés ou clásico de dous pisos, con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, presentacións, actos e degustacións. Grazas á mobilidade, versatilidade e dimensións que posúe este vehículo, garántese a actividade de difusión turística de Lalín en xeral e da Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, en particular. O autobús vai rotulado co escudo de Lalín e o lema “Lalín, un interior único”, tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes videos promocionais do municipio, entre outros recursos. Tamén disporá dos elementos promocionais sobre as actividades da 50 Feira do Cocido, así como dos pins e cartelería do evento.

A seguinte promocional do Bus do Cocido desenvolvese hoxe xoves, 25 de xaneiro en Ponferrada, logo o 29 no Barco de Valdeorras e rematará o seu itinerario en Santiago de Compostela o día 31, antes de regresar a Lalín na fin de semana da Feira do Cocido.