Este venres asinouse o convenio de colaboración á través do que a firma alimentaria se compromete a realizar unha achega económica a cambio da difusión da súa imaxe nos porquiños do Cocido de noutros soportes. Cuíña expresou o seu agradecemento e recoñecemento á firma Coren por comprometerse a colaborar economicamente coa Feira do Cocido durante 3 edicións. Para o rexedor o interese de importantes e recoñecidas marcas por patrocinar o Cocido dá mostra de que este festexo goza dunha gran saúde e dunha importantísima relevancia.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o representante apoderado de Industrias Figroríficas del Louro S.A (COREN), Natalio Rodríguez, formalizaron este venres no consistorio o convenio de colaboración mediante o que Coren se compromete a patrocinar mediante unha colaboración económica a Feira do Cocido, durante as edicións 2018, 2019 2020.

Concretamente, a firma alimentaria promocionará a realización e difusión da mostra Lalín Pork Art. Trátase dunha colección de porquiños en metacrilato a tamaño natural que foron decorados por diversos artistas e colectivos da comarca do Deza. Estes porquiños adoitan colocarse durante as semanas previas á Feira do Cocido, máis concretamente durante o Mes do Cocido, e no propio día da celebración nas rúas de Lalín. Así mesmo, contan con presenza en todos os eventos vencellados á Feira (premios de gastronomía, comida solidaria, eventos deportivos, cocido miúdo, presentación do mes do cocido, matanza tradicional etc.), así como en presentacións e roldas de prensa vencelladas a eventos da Feira.

Así, mentres dure o convenio de colaboración recentemente asinado, o Concello de Lalín comprométese a difundir a presenza e participación de Coren e das súas imaxes de marca promocionais, nos porquiños da Lalín Pork Art. Deste xeito, o acordo permite que nos propios porquiños se deseñen elementos promocionais de acordo coa empresa evitando danar e menoscabar o carácter artístico das obras que conforman a exposición. Nesta ocasión, Coren decidiu promocionar a súa imaxe e a súa marca “Selecta”, mediante a colocación dunha base en cada figura que simula un chan cheo de ourizos e castañas. Ademais, a cada porco colocóuselle un medallón no que se observa o logo de “Selecta”. O Concello tamén se compromete a difundir a imaxe de Coren a través das redes sociais e da web institucional así como na cartelería e do Cocido e a través da Food Truck e outros medios.

O alcalde de Lalín, que xestionou persoalmente esta colaboración, expresou o seu agradecemento e recoñecemento á firma Coren por comprometerse a colaborar economicamente coa Feira do Cocido durante 3 edicións. Cuíña considera que o interese de importantes e recoñecidas marcas por patrocinar o Cocido dá mostra de que este festexo goza dunha gran saúde e que o alcance e relevancia que ten a Feira do Cocido nesta 50 edición, xunto coa promoción e difusión que se fai de cada un dos eventos que a compoñen desde o Concello, fai que esta Festa sexa atractiva para que as empresas privadas aproveiten este impulso para publicitarse, xa que o tirón da Feira terá sinerxias positivas na empresa patrocinadora”.