O Concello presentou o Bus do Cocido, unha iniciativa promocional patrocinada por GADIS, e que conta coa colaboración de ABANCA e COREN, permitirá difundir os atractivos turísticos de Lalín, o Camiño de Inverno e a 50 edición da Feira do Cocido por diferentes vilas de Galicia e Castela e León nas vindeiras semanas. O acto que deu inicio a esta iniciativa -que se realiza por terceiro ano consecutivo- tivo lugar este mediodía no Quilómetro 0 de Lalín.
Así, dende o centro xeográfico de Galicia este autobús clásico iniciará un percorrido que nos vindeiros días lle levará a visitar as vilas de Tui, Moaña, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras, ou as cidades de Ponferrada e Santiago de Compostela. En concreto o bus estará o día 16 de xaneiro en Tui, o día 20 en Moaña, o 24 en Monforte de Lemos, o 25 en Ponferrada, o 29 no Barco de Valdeorras e rematará o seu itinerario en Santiago de Compostela o día 31, antes de regresar a Lalín na fin de semana da Feira do Cocido.
Aproveitando as sinerxias que ofrece a Feira do Cocido -un dos principais polos de atracción de visitantes a Lalín- o vehículo converterase nunha completa oficina turística móbil que, grazas á súa versatilidade e características facilitará o desenvolvemento dunha intensa campaña de promoción de toda a oferta turística de Lalín, pasando pola gastronómica, a comercial, a hostaleira, a cultural, a paisaxística e natural ou a patrimonial e histórica, entre outras. Nesta ocasión, farase especial incidencia na difusión do Camiño de Inverno, que é un dos dous que pasa por Lalín. É a máis nova das rutas xacobeas oficiais e, en consecuencia, unha das menos coñecidas para o público, o que fai necesario incidir de maneira especial na súa promoción para dala a coñecer e incrementar así o número de peregrinos que fan de Lalín non só lugar de paso, senón tamén de estancia no seu camiño a Santiago de Compostela. Por outra banda, cómpre salientar que o Concello de Lalín aprobou por unanimidade no Pleno do pasado 1 de decembro a súa adhesión á Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago, que ten entre os seus fins a protección e promoción desta ruta xacobea.
O Bus do Cocido constitúe xa unha marca de identidade de Lalín e a súa Feira. Trátase dun o autobús tipo inglés ou clásico de dous pisos, con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, presentacións, actos e degustacións. Grazas á mobilidade, versatilidade e dimensións que posúe este vehículo, garántese a actividade de difusión turística de Lalín en xeral e da Feira do Cocido e o Camiño de Inverno, en particular. O autobús vai rotulado co escudo de Lalín e o lema “Lalín, un interior único”, tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes videos promocionais do municipio, entre outros recursos.
Tamén disporá dos elementos promocionais sobre as actividades da L Feira do Cocido, así como dos pins e cartelería do evento. Ao mesmo tempo -e tendo en conta a importancia da nosa gastronomía como factor diferencial da oferta do municipio- o feito de que conte con cociña propia tamén propiciará o desenvolvemento de actividades puntuais e degustacións que permitirán poñer en valor a elevada calidade da nosa hostalería e aos novos valores da cociña lalinense. Finalmente, as posibilidades que ofrece o vehículo servirá para levar unha ampla mostra do produto feito en Lalín, complementando de maneira ideal a campaña de promoción “Se é de Lalín é bo”, así como en xeral a oferta comercial do municipio.