A parroquia lalinense de Bermés acolle o próximo domingo o festexo da Matanza tradicional do porco. Os veciños deste núcleo foron os encargados de organizar este ano, en colaboración co Concello de Lalín, a través das concellerías de Comercio e Rural, un evento de carácter festivo, cultural e etnográfico, que xa vai pola súa XVIII edición. A Matanza Tradicional é un dos primeiro actos que se celebran en Lalín, cada ano, no marco do Mes do Cocido, que atrae ao concello a milleiros de persoas que desexan desfrutar da gastronomía, a cultura ou o comercio lalinense.

O Concello de Lalín quere agradecer “o magnífico traballo e a boa disposción que mostraron dende un principio os veciños de Bermés para organizar a Festa da Matanza”. Os actos comezarán en torno ás 10.30 horas, e terán lugar na casa natal do Matemático Rodríguez, fillo ilustre de Lalín. Trátase dun espazo singular onde se habilitarán zonas para aparcar, polo que se antolla propicio para acoller as diferentes actividades que se desenvolverán ao longo da xornada. Ademais, contarase cunha carpa que cubrirá o lugar e que permitirá que o evento se celebre sen contratempos, no caso de que o tempo sexa desapacible.

A Matanza Tradicional do Porco trata de potenciar as tradicións populares e poñelas en valor a través da recreación do proceso da mata do porco, que se segue celebrando en moitos fogares galegos cada inverno. Así, as veciñas e veciños da parroquia escenificarán, ataviados con vestimentas propias de primeiros de século, as diferentes tarefas das que se compón este proceso, tales como o chamusco, o baleirado de vísceras, a colga, a parta, a salazón, o preparado da zorza e dos chourizos etc. Destacar que o porco chegará xa sacrificado ao festexo e se respectarán todos os procedementos vixentes dacordo ao benestar animal.

Paralelamente ás citadas labores típicas da matanza, terá lugar unha exposición de apeiros e utensilios antigos, así como de fotografías de diferentes actos e persoas representativas da aprroquia de Bermés. Os asistentes poderán degustar produtos típicos da matanza, nun acto que estará amenizado por un grupo de música composto por músicos da localidade.