A Xunta de Goberno Local reunida na sesión do 30 de outubro de 2015, acordou iniciar os trámites para adxudicar os patrocinios publicitarios da XLVIII Feira do Cocido, aprobando a tal efecto as bases sobre as que se concertan os convenios de patrocinio.

O obxecto destas bases é o de definir as características do citado patrocinio cultural, a través do que o Concello de Lalín, a cambio de axuda económica ou subvencións achegadas polos patrocinadores, se compromete a colaborar dándolle publicidade aos mesmos. Co patrocinio da Feira do Cocido -declarada Festa de interese Turístico Nacional no 2010- preténdese  optimizar e mellorar os recursos dispoñibles para o desenvolvemento do evento, tendo en conta que o mesmo constitúe un factor determinante na dinamización económica e social do concello de Lalín.

A publicidade difundirase entre o 15 de xaneiro e o 30 de marzo de 2016 en todos os actos que organice o Concello e garden relación coa Feira do Cocido, que se celebrará o 31 do primeiro mes do ano. Os anuncios serán inseridos, como mínimo, no cartel da Feira do Cocido, no do Mes do Cocido, no da Matanza Tradicional, no programa de man despregable da Feira, nos dípticos do Mes do Cocido, nas invitacións da Gala Gastronómica de Galicia, na prensa escrita de tirada autonómica, nas redes sociais, na web municipal, así como en lonas e rótulos de diferentes tipos.

As subvencións mínimas aportadas polos diferentes entes privados serán de 500 euros, podéndose ofertar unha cantidade maior, pero nunca menor a esta cifra. Os patrocinadores seleccionaranse a través dun proceso aberto, no que todo empresario interesado poderá presentar unha proposición de patrocinio. Como criterio único para a elección establécese o importe da subvención ofertada, de modo que se elixirán as 25 que ofrezan unha maior cantidade de diñeiro para seren promocionadas. No caso de que se superen as 25 ofertas, quedarán excluídas as que asignen unha menor cantidade.

As proposicións de patrocinio deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Lalín no prazo de 15 días naturais a partir da publicación das bases no Boletín Provincial. As bases da licitación así como a documentación necesaria para presentar as propostas de publicidade pódense descargar na web www.lalin.org no apartado de perfil do contratante.