ABANCA e o Concello de Lalín presentaron esta mañá o acordo de patrocinio para as vindeiras tres edicións da Feira do Cocido. Na firma, que tivo lugar hoxe na casa consistorial, participaron a directora territorial de ABANCA en Pontevedra, María Carmen Fernández Penas, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña Aparicio.

Grazas a este acordo, o banco con sede en Galicia contribúe a consolidar unha festa de interese turístico nacional que este ano chega á súa 48ª edición. Un dos espazos máis relevantes desta cita gastronómica, no que se celebran os Premios nacionais de gastronomía Álvaro Cunqueiro, pasará a chamarse nestas tres edicións “ABANCA Lalín Arena”.

O texto firmado tamén inclúe as liñas mestras dunha colaboración que se alonga durante o chamado “Mes do Cocido”. Durante catro semanas, a capital do Deza convértese no epicentro das celebracións gastronómicas de Galicia e reúne a máis de 60.000 visitantes.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou a súa satisfacción polo acordo asinado, “que servirá para seguir potenciando a Feira do Cocido e contribuirá á súa consolidación como un dos eventos gastronómicos máis relevantes do ámbito galego e Nacional”. Neste senso, mostrouse “moi agradecido” con ABANCA, pola súa “gran disposición a asinar un compromiso de colaboración que axudará á dinamización do concello e polo tanto beneficiará a todos e todas as lalinenses”. Pola súa parte, a representante de ABANCA, María Carmen Fernández Penas, destacou “o compromiso de ABANCA cunha cita gastronómica imprescindible e que contribúe a proxectar a imaxe de Galicia fora das nosas fronteiras.”