O xurado valorou moi positivamente a súa conservación arquitectónica e, en especial, a súa integración coa paisaxe. Ademais foi a candidatura que xustificou un maior número de traballos de recuperación na aldea. Un total de cinco propostas optaban a esta distinción, que se entregará o 19 de febreiro nos actos oficiais do Cocido. A distinción Aldea Singular creouse o ano pasado para recoñecer a aquel núcleo rural que máis destaque polo coidado dos seus espazos, así como polo seu dinamismo social. O premio enmárcase dentro das medidas do Goberno para a promoción e recuperación do rural lalinense.

A segunda edición da distinción Aldea Singular do Concello de Lalín xa ten gañadora: a proposta presentada pola parroquia de Zobra vén de facerse co galardón que instaurou o Goberno de Lalín para recoñecer a aquela aldea ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como en iniciativas de impulso económico, social, cultural ou de integración veciñal. A candidatura foi presentada pola Asociación “Zobra Camiña” e, tras dúas sesións de deliberación do xurado, foi a proposta que finalmente acadou a puntuación máis alta entre as cinco que este ano concorreron ao certame.

En concreto, tal e como recolle o fallo, o xurado valorou de maneira moi positiva a conservación arquitectónica da parroquia e, en especial, a súa integración coa paisaxe. Ademais, a de Zobra foi a candidatura que xustificou un maior número de traballos de recuperación na aldea. O proxecto de actuacións non obtivo a máxima puntuación que se podía acadar (100 puntos) debido a que se propoñía un gasto non subvencionable e outro ao límite de poder ser subvencionado. En calquera caso, e a xuízo do xurado, o conxunto das actuacións estaban ben plantexadas e valoradas.

Contando a de Zobra, este ano concorreron á distinción Aldea Singular un total de cinco parroquias ou núcleos rurais. O número de propostas foi idéntico ao da primeira edición, repetindo candidatura as parroquias de A Xesta, Doade, e Xaxán, mentres que se presentaron por vez primeira Cercio e a gañadora.

Nas súas deliberacións, os membros do xurado quixeron facer explícito o seu recoñecemento ao elevado nivel do conxunto das candidaturas presentadas, o que se traduce no feito de que a diferenza de puntuación entre as mellor valoradas se situase nunha escasa marxe de catro puntos. De calquera maneira, en todas as propostas se apreciaron compoñentes moi interesantes e que tamén serían merecedores deste galardón.

O xurado que valorou os proxectos presentados estivo composto polo alcalde de Lalín, como presidente, e polos concelleiros e concelleiras de Urbanismo, Facenda, Cultura, Rural e Obras. Nesta edición tamén formaron parte do xurado un técnico municipal de urbanismo, un profesional independente da arquitectura e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. Tamén se convidou a que a oposición designase un representante, sen que chegase a facelo.

O Concello agradece o esforzo das veciñas e veciños que dedicaron parte do seu tempo nos últimos meses para presentar estes proxectos e anímaos a seguir traballando de cara a futuras edicións da distinción Aldea Singular. Neste sentido, o Concello aprecia nas candidaturas presentadas algunhas iniciativas de recuperación que merecen ser tidas en conta para avanzar nunha das prioridades para este mandato: a recuperación e posta en valor do rural do municipio de Lalín.

A distinción Aldea Singular, que puxo en marcha o Goberno local, está dotado cun premio de 15.000 euros para a candidatura gañadora. A proposta gañadora, neste caso a presentada por Zobra, deberá investir o importe do premio en actuacións que redunden beneficiosamente ao conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público. Así, os investimentos debían estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público ou aforro enerxético, melloras e/ou construcións de saneamentos, canalizacións etc.

O premio Aldea Singular está recollido no pacto de goberno dentro das medidas de promoción e recuperación do rural, unha das prioridades que se marcou o executivo para este mandato. Así mesmo, este recoñecemento encáixase nas actividades relacionadas coa Feira do Cocido, de modo que tamén se contribúe a impulsar o evento gastronómico. A entrega deste galardón terá lugar precisamente durante os actos oficiais da XLIX Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o 19 de febreiro.