Todo listo para que esta fin de semana empece a funcionar a Carpa Mahou, que foi instalada nos últimos días no campo da feira e que vai ser, un ano máis, un dos grandes atractivos nesta edición número 50 da Feira do Cocido. Esta instalación tipo iglú -totalmente transparente e ampliada ata os 85 metros de longo, por outros 20 de ancho- abrirase oficialmente ao público o sábado ás 12.00 horas da man de Mahou, que nos traerá a mellor gastronomía á Feira do Cocido de Lalín.

Dous grandes referentes da cociña de Vangarda en Galicia ofrecerán dous showcookings nos que porán en valor as virtudes culinarias do prato galego por excelencia, o Cocido de Lalín. Luis Veira, do restaurante coruñés con Estrella Michelin Árbore da Veira e Juan Crujeiras, do restaurante Bido, tamén da Coruña, prepararán en directo, ante o público que se achegue ata a carpa Mahou, varios pratos inspirados na tradición gastronómica do cocido.

Baseándose no receitario clásico, Veira elaborará un cocido aplicando técnicas actuais de cociña. O resultado, nas súas propias palabras, “será un cocido de toda a vida pero á maneira de Árbore da Veira… para comelo doutro xeito, gozando dos sabores de sempre pero con bocados novos”. Crujeiras, pola súa parte, preparará un pequeno menú degustación onde “o porco e os produtos do cocido estarán presentes en todos os pratos”. Un menú que incluirá tamén a sobremesa, cos típicos doces do entroido elaborados “dende outro punto de vista”.E despois da exhibición culinaria, a histórica banda de rock Los Vagos de Lalín ofrecerá un concerto na propia Carpa Mahou. Durante a actuación, o público terá a oportunidade de degustar algunhas das tapas elaboradas previamente polos chefs.

Mahou é un dos principais patrocinadores da Feira do Cocido de Lalín e colabora coa posta en marcha de distintas actividades de lecer para completar a oferta do gran evento gastronómico da capital do Deza. Con esta iniciativa, Mahou quere achegar unha cultura gastronómica de máxima calidade a todas as persoas, compartindo novas experiencias baseadas no sabor máis coidado.

A entrada a estes dous actos é completamente libre e de balde, polo que dende o Concello de Lalín se convida a todas as persoas que estean interesadas a asistir a un acto que permitirá coñecer en vivo as habilidades e o xeito de traballar dalgúns dos novos valores da gastronomía galega. Ao mesmo tempo, o público tamén poderá aproveitar para visitar os postos das 36 firmas que se instalarán na Carpa Mahou durante a fin de semana do Cocido, que celebrará o seu día grande o domingo, 4 de febreiro.