O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, vén de anunciar que a Carpa Patrocinada por Mahou xa está completamente instalada no campo da feira, á espera de que hoxe remate a colocación das casetas dos postos de venda. Esta instalación de tipo iglú, totalmente transparente e de deseño estético e acolledor, que foi ampliada ata os 85 metros lineais na 50 Feira do Cocido para dar cabida ao maior número posible de postos, acollerá durante a próxima fin de semana un total de 36 firmas alimentarias e de artesanía, unha cifra récord en canto a asistencia a este mercado. As mencionadas firmas gozarán, en palabras do concelleiro, “dun espazo inmellorable para a exposición e venda dos seus produtos, posto á súa enteira disposición polo Concello”.

En total, o Concello recibiu a solicitude de 52 postos para unha oferta de 48, non obstante, houbo varias empresas que solicitaron máis dun espazo. Así, tras térense valorado as ofertas presentadas, entre as 36 firmas que contarán cun lugar para a exposición, 6 correspóndense a empresas cárnicas, 4 son queixerías, 6 panaderías e pastelerías, mentres que haberá 2 postos de venda de licores, 2 de chocolates e outro de iogures e derivados lácteos. Así mesmo, 15 espazos fórenlles asignados a outros tantos vendedores de artesanía, bixutería e outros accesorios manufacturados. Deste xeito, a carpa vai albergar unha ocupación do 100% con representación de todos os os sectores produtivos e cun 70% do espazo adicado a alimentación “tal e como é a nosa prioridade” -engade o concelleiro- “aínda que tamén se contará cunha nutrida presenza de artesáns”. Con todo, “esta variada oferta garantirá que os miles de visitantes que se acheguen durante a Feira do Cocido á carpa atopen todos os produtos de primeira calidade que busquen e regresen satisfeitos ao tempo que deixan beneficio económico ás empresas, que maioritariamente son de Lalín e do resto da comarca”.

Francisco Vilariño explicou que este ano se deu continuidade ao sistema administrativo totalmente xusto e transparente posto en marcha na pasada edición para a adxudicación dos postos na carpa. Este consiste na celebración dunha poxa libre na que se interpuxo unha cota mínima por posto de 63,50 euros, prezo “absolutamente módico para as prestacións, a atención e as garantías que se ofrecen”, que se puido mellorar á alza nas solicitudes presentadas, séndolle os stands asignados ás ofertas máis vantaxosas.

O concelleiro de Turismo revelou que todas as empresas de Lalín que concorreron á poxa entraron, agás unha firma cárnica que “lamentablemente quedou fóra por presentar unha oferta excesivamente baixa”. Do mesmo xeito tamén se produciron algúns descartes por presentarse a oferta fóra de prazo ou por non adaptarse a solicitude á tipoloxía de postos.

Con todo, as poxas realizadas polas entidades do sector da alimentación que finalmente foron admitidas movéronse nun abano bastante dispar, que xirou entre os 64 e os 250 euros ofrecidos por posto, cunha media de 101,76 euros. No relativo ao sector da artesanía e dos produtos manufacturados, as ofertas oscilaron entre os 65 e os 160 euros, cun promedio de 109. Doutra banda, tamén se asignaron os espazos no exterior da carpa, neste caso destinados exclusivamente a bares, food-trucks etc. Finalmente, foron admitidos 4 postos de venda de churros, 1 bar e 4 polbeiros.