O Concello de Lalín organizará na media noite do sábado, día 23 de febreiro, un novo espectáculo pirotécnico da Feira do Cocido. Esta iniciativa introduciuse o pasado ano como unha das grandes novidades dentro da programación de actos da Feira e, tal e como anunciou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, en vista da boa acollida que tivo na pasada edición, decidimos reeditalo co fin de encher de contido, de luz e de cor unha das noites máis festivas, especiais e concorridas do ano en Lalín: a da véspera do Cocido.

Co obxectivo de que esta sesión de fogos de artificio poida ser desfrutada polo maior número de persoas, o espectáculo desenvolverase dende a Praza da Vila, a carón da Igrexa de Lalín, nun emprazamento que ofrece unha centralidade idónea para que poida ser visto dende todo o casco urbano sen necesidade de desprazarse a ningún outro lugar. O espectáculo pirotécnico foi encargado a unha das máis reputadas e punteiras empresas de Galicia, que xa está a traballar no seu deseño e, como informou o titular de Turismo, será incluso dunha maior calidade que o do ano pasado. Así, a sesión durará uns 15 minutos e contará con preto de 3.000 artefactos.

Francisco Vilariño, sinalou que “somos conscientes de que o nivel de ocupación hoteleira nesa fin de semana vai ser absoluto, polo que queremos dar unha imaxe dunha vila moderna e dinámica”. Pero, ao mesmo tempo, “tamén sabemos que haberá moitas persoas de municipios limítrofes e do resto de Galicia que, sen quedarse a pernoctar, non deixarán de pasar por alto a oportunidade de achegarse a Lalín para empaparse dun ambiente excepcional, probar un bo prato de cocido e comprobar a elevadísima calidade da nosa hostalería e o noso comercio”.

Pola súa banda, o alcalde, Rafael Cuíña, apuntou que este espectáculo pirotécnico permitirá, un ano máis, “deslumbrar e entusiasmar aos milleiros de persoas que aproveitarán esa noite para desfrutar da inmensa oferta hostaleira e de ocio coa que conta á nosa vila” Como indicou, “non só se trata de ofrecer unha alternativa novidosa e atractiva para os propios veciños de Lalín, senón de propiciar a chegada de máis visitantes de fóra do municipio, converténdose nunha proposta que incidirá de maneira considerable na dinamización social e económica da nosa vila e do seu tecido produtivo, contribuíndo aínda máis a que o Cocido siga a ser un dos grandes motores turísticos e económicos de Lalín”.