Onte presentouse o novo libro de receitas baseadas no prato insignia da gastronomía galega, que serve para conmemorar a 50ª edición da Feira do Cocido. O acto de presentación tivo lugar na casa consistorial e nel participaron o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o cociñeiro e coordinador da publicación, Diego López Dapena, ademais dos 13 representantes da hostalería lalinense que realizaron contribucións ao receitario. A publicación acolle medio cento de propostas gastronómicas co Cocido de Lalín como base principal, estruturándose baixo a filosofía “50 feiras, 50 receitas”.

O edil de Turismo explicou que sacar á luz este tomo foi unha iniciativa que se puxo en marcha coa intención de crear algo representativo e perdurable no tempo coincidindo cunha data tan sinalada como a celebración do medio século de vida da Feira do Cocido. O Goberno tamén quixo, con esta publicación, darlle o protagonismo aos restauradores lalinenses, que son os verdadeiros artífices da expansión e do éxito do cocido de Lalín. O volume foi elaborado coidando ata o máximo detalle, coa intención de ofrecer un libro de moita calidade tanto a nivel de contidos como a nivel gráfico, de maquetación e deseño. O edil tamén sinalou que esta iniciativa “se puxo en marcha coa máxima ilusión e coa intención de que sirva para seguir impulsando o noso prato máis senlleiro e a nosa festa máis sobranceira”, de modo que será difundido a gran escala e incluso se enviará un exemplar a cada domicilio de Lalín. Finalmente, Francisco Vilariño agradeceu fondamente a implicación desinteresada de todos os restauradores para sacar adiante esta iniciativa e, en especial, a do seu coordinador, Diego López Dapena.

O alcalde de Lalín tamén mostrou o seu agradecemento aos participantes e apuntou que o receitario “é unha mostra máis da aposta do Goberno por unha edición histórica da Feira do Cocido e da importancia que lle damos ao cocido como prato”. Esta aposta -indicou- seguirá nos próximos anos “porque a gastronomía e o cocido é unha pata fundamental da nosa economía e da nosa identidade”.